domingo, 26 de agosto de 2007

Verín CF 0 - Coruxo FC 1

Primeiro partido. Bóa presencia de siareiros nas bancadas(con aprox. un centenar de seguidores do Coruxo). Céspede en perfectas condición a pesares das tormentas dos dous días anteriores.

Verín CF: Macía, Xurxo, Jorge de Dios, Currás, Mario, Fran, Iago, Barreal, Nuno, Oli, Bóveda(Rubén min. 82).

Inmerecida, pero primeira derrota. Iso ten que ir por diante. O resultado xusto debería ter sido un empate, como mínimo. Un Verín con 16 xogadores xustos(por lesións e motivos extradeportivos) enfrontábase a un dos "cocos" da categoría. O Verín CF iniciou o partido con folgos, foron vinte minutos bastante bós, tendo a mellor ocasión nun lanzamento de falta de Mario que pasou a rentes do pao. Nos últimos vinte minutos da primeira parte foi o Coruxo o que tomou o control do partido pero sen claras ocasións.
Na segunda metade, ós cinco minutos, unha serie de rexeites na área pequena do Verín finalizou co remate de Rubi no que sería o único tanto do partido. Nos seguintes vinte minutos, o Verín foi moi superior ao seu rival pero sen excesivo éxito adiante, aínda que cun gran traballo de Oliveira, demasiado só na punta de ataque.
Foi neste intre cando o colexiado, (que tiña feito unha correcta actuación, sobor de todo no aspecto disciplinario os cartóns foron poucos e sen discusión), se tragou un clarísimo penalti que o porteiro do Coruxo cometeu nun regate de Mario(espectacular en ataque ao longo de todo o partido). Deica o final, un par de ocasións, un centro chut de Mario que bateu no traveseiro, algún centro que non atopou rematador, e tres puntos que escaparon da casa.
Fronte ao que era de esperar, as bancadas do José Arjiz despediron cunha ovación ao seu equipo porque fronte aos atrancos das baixas, e ausencias, deu unha imaxe seria en defensa e con moita intensidade. Temos que mellorar, pero non foi un mal comezo fronte a un equipo pensado para ascender e que mantén o bloque que xogou a promoción a pasada tempada.